Actividades
Principal Proxecto Educativo Actividades Quen somos Funcionamento calendario escolar profesorado Luditarde saidas pais e nais

 

 ACTIVIDADES COLECTIVAS

Xornal escolar e Revista en Internet

    O colexio publica un xornal escolar"O voceiro do Anxo da Garda", coincidindo coa celebración das Letras Galegas en maio. Recopílanse traballos divulgativos e relativos ás conmemoracións celebradas ó longo do curso, así como opinións, entrevistas, novas, pasatempos e colaboracións de pais e nais.

Igualmente mantén unha revista on line, publicada mediante un programa europeo, dirixida ás familias e ós alumnos para informar das actividades realizadas no colexio durante o curso escolar. A revista é accesible en http://ejournal.eduprojects.net/CEIPanxodagarda

Festa do Magosto

    O magosto é unha festa tradicional que se celebra tódolos anos, no outono, no que se asan castañas ó aire libre.Uns días antes os rapaces fan murais, cantan regueifas, fan receitas de castañas, refráns, cantigas... A víspera da festa traen todos unhas poucas para asalas ese día e comelas todos xuntos. Ese día organízanse xogos populares no patio do colexio (carreira de sacos, xogo da cadeira, o da culler cunha castaña, etc.) dirixidos todos eles polos titores de cada curso. Namentres outros profesores asan as castañas que se degustarán ó rematar os xogos.

    

Celebración do Nadal

    A ornamentación para esta festa tan tradicional realízana entre todos os cativos e consiste en murais, poesías e postais. Algunhas destas son seleccionadas con anterioridade e colocadas no mural da entrada principal do colexio. O resto decora os corredores. No festival, que se celebra o último día de clase do trimestre, fanse representacións musicais e teatrais, danzas, e se cantan panxoliñas. 

O Entroido

    É unha celebración que ten moito pulo na nosa Comunidade e no noso centro participan tódolos profesores e alumnos e moitos pais e nais, tanto na confección de disfraces e maquillaxes como na comparsa. O venres do inicio do Entroido facemos unha comparsa que percorre as rúas próximas ó colexio, acompañados da Policía Municipal e ocasionalmente de música. De volta ó colexio todos poden contemplar a representación teatral "Xuicio de don Carnal e Dona Cuaresma" seguida da queima do "momo" (monicreque elaborado con materiais de desfeita).

A Paz e os Dereitos Humanos

    Ainda que é unha constante na vida diaria do colexio, nesta celebración preténdese conciencia-lo alumnado na importancia da convivencia pacífica, fomentando o respeto ás diferencias e a análise das situacións inxustas no mundo especialmente se hai nenos involucrados. Normalmente facemos un acto colectivo no patio, con cancións, lectura de slogans, formando a palabra PAZ entre todos ou soltando globos de cores. Ás veces se participa nalgunha campaña como por exemplo a de recollida de alimentos para o Sáhara ou a suscrición do manifesto da Unesco a través de Internet.

Semana das Letras Galegas

    No día das Letras Galegas fanse actividades da unidade didáctica enviada pola dirección Xeral de Política Lingüística, adicada cada ano a un escritor ou escritora que contribuiu a engrandecer a nosa lingua. Realízase unha ginkana literaria con diferentes probas culturais (acrósticos, palabra guía, cadáver exquisito, representación ...). Cada ciclo programa distintos obradoiros literarios ós que acuden os nenos e nenas para desenvolver actividades de creación de contos, historias, poemas, xogos, cantigas ... Tamén se elabora un mural conmemorativo desta data.

Educación para o consumo

    Dentro do traballo dos contidos transversais organizamos unha serie de actividades como visita a hipermercados e a instalación duns tenderetes no colexio onde os alumnos aprenden a mercar, analizando a cesta da compra, e pagando en euros.

Fomento da lectura

    O colexio participa no programa de fomento da lectura que xestiona o Concello de A Coruña a través da Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil.  O sistema de préstamo de libres realízase cos medios informáticos por parte de cada titor durante a xornada escolar, nun horario que se establece ó inicio de curso. O equipo encargado da biblioteca xestiona o funcionamento da mesma e propón actividades de animación á lectura.

Así mesmo no horario de cada día figura a "hora de ler": durante 20 minutos, tódolos días de 12'00 a 12'20, os alumnos do colexio adican este tempo á lectura, seguindo unha programación establecida polo equipo de dinamización da biblioteca.

Festival fin de curso-Despedida alumnos de 6º

    Ó final de cada curso escolar celebramos un festival no que se representan diferentes obras de teatro, desfiles, bailes, cancións e xogos. Nel participan tódolos nenos e nenas do colexio dando unha mostra do preparado tanta na xornada escolar matinal como nas actividades extraescolares. Ese mesmo día, pola noite, facemos un acto de despedida para os alumnos que rematan a súa escolaridade no noso centro e as súas familias. Neste acto se lles fai entrega dun recordo fotográfico que o colexio obsequia ós alumnos, e rematamos cunha cea conxunta no patio do centro.

      

                                  volver ó inicio