Matemáticas: feminino/plural

 

 

Anterior

Autora do traballo:

Alba Verea Pérez

Cartel

 

Algunhas referencias tiradas da prensa

   
 
 

María Josefa Wonenburger Planells

 

María Josefa Wonenburger Planells naceu en Montrove (A Coruña) o 19 de xullo de 1927 dentro dunha familia culta e ben situada economicamente. Seus pais foron Julio Wonenburger e Amparo Planells que, en contra do que se acostumaba na época para as mulleres, sempre a animaron a que estudase.

Comezou a estudar aos catro anos no Colexio Francés de A Coruña para logo pasar ao Colegio del Ángel e, cando cumpriu os 10 anos, ao Instituto Eusebio da Guarda ata rematar o bacharelato en 1944, destacando polos seus bos resultados e tendo xa dende moi pequena vocación polas matemáticas.

Malia que seu pai prefería que estudase unha enxeñería, María convenceuno para facer matemáticas.

Antes de comezar a universidade quedouse un ano máis na Coruña por petición da súa nai; María aproveitou este tempo para aprender inglés.

No 1945 trasladouse á Universidade Central de Madrid (actual Complutense) para realizar os estudos universitarios. Pertenceu á primeira promoción de Licenciados en Matemáticas con carreira de cinco anos, xa que antes duraba catro e denominábase Ciencias Exactas. Fixo unha carreira brillante sendo unha estudante moi coñecida.

Durante estes anos coñeceu a importantes matemáticos, como Ernst Witt (alumno de doutoramento de Emmy Noether) e Julio Rey Pastor, que lle propuxeron diversas colaboracións.

Tras licenciarse, realizou estudos de doutoramento entre 1950 e 1953 resultando ser a primeira matemática española que conseguiu unha beca Fullbright, concedida a universitarios polo Instituto de Educación Internacional dos EE. UU.

Así, pois, en 1953, María Wonenburger embarca en Xibraltar para viaxar ata os Estados Unidos.

O seu primeiro destino foi Syracuse no estado de Nova York e desde aquí marchou para a Universidade de Yale, onde recibiría o doutoramento en 1957 coa tese “On the Group of Similitudes and Its Projective Group”, tutelada por Nathan Jacobson, un dos máis influentes alxebristas do pasado século.

En 1957, regresou a Madrid, onde permaneceu 3 anos, becada polo Instituto de Matemáticas Jorge Juan do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e, como aquí non lle recoñecían o doutoramento acadado en Yale, decidiu realizar outra tese co título “Representación espinorial de los grupos de semejanza”, dirixida por Germán Ancochea.

A continuación propóñenlle que solicite unha beca de posdoutoramento para traballar na Queen University de Kingston, Ontario (Canadá), e axiña se incorpora como docente.

Dous anos despois intenta regresar a España, pero tiña unhas ofertas moi pobres comparadas coas de América. Trasladouse a Toronto, onde era a única muller ocupando un posto de profesora de matemáticas na universidade. Aquí dirixiu a tese doutoral do agora coñecido alxebrista Robert Moody. O traballo de ambos deu lugar á Teoría de Kac-Moody.

En 1966 incorpórase á Universidade de Buffalo nos EE. UU. e un ano máis tarde á de Indiana (Bloomington), onde permaneceu desde 1967 a 1983 coa categoría de Full Professor.

As súas investigacións ocúpanse da Teoría de Grupos e Álxebra de Lie e no desenvolvemento destas disciplinas. Os últimos anos en Bloomington centrouse no estudo dos grupos finitos.

En resume, publicou decenas de artigos nas máis destacadas revistas internacionais, dirixiu importantes teses de doutoramento e é considerada a nai da Teoría de Kac-Moody, unha das máis importantes na Álxebra dos anos 70; todo isto nunha época de difícil recoñecemento para as mulleres, especialmente nas matemáticas.

En 1983, tras recibir o aviso de que súa nai estaba enferma, retirouse para coidala.

María vive na actualidade en A Coruña, segue escribindo e publicando traballos, viaxa moito e está satisfeita da súa traxectoria e decisións.

Anterior