Castiñeiro (Castanea sativa)
Podemos atopala por toda Galicia, aínda que é máis frecuente na parte oriental. Son moi coñecidos os soutos da provincia de Ourense pola súa beleza.
É orixinaria de Asia Menor. Os gregos e romanos estendérona por Europa, e máis tarde foi levada ó Novo Mundo.
Habita nos lugares frescos sobre solos lixeiros e profundos.
É unha especie cultivada dende hai milenios polos seus froitos e pola súa madeira.
Souto ourensán
Follas, flores e froitos
Tamén as follas e a cortiza úsanse como menciñas polas propiedades astrinxentes (en diarreas, tos, inflamacións de gorxa, febre e reúma).
Asimesmo úsase para curtir e tinguir, e tamén en cestería, sen esquecer o grande valor ornamental.

 

É unha árbore moi lonxeva que acada un gran porte, se se deixa medrar. A copa é alta, esférica e moi densa.

Chega ata os 25 ou 35 metros e ten raices profundas.

Un castiñeiro en Cospeito
Tronco dun castiñeiro

 

A cortiza e cincenta- pardusca ó principio, pero co tempo vai tornando oscura e con gretas máis ou menos verticais. O tronco é groso e dereito, oco en exemplares moi vellos.

 

Pode vivir varios séculos, aínda despois de baleira-lo tronco polo efecto das pudricións. Cando abre o toro reciben o nome de catubeiras ou caracochas. Hai tempo servían para refuxio dos nenos cando ían o campo co gando.

Castiñeiro moi vello
Adáptase moi ben ós climas templados, pode soportar fríos no inverno pero é moi sensible ás xeadas primaverais.
Ramas, follas e froitos

As follas son simples, alternas, pecioladas, oblongo-lanceoladas e serradas.

As flores unisexuais (masculinas e femininas) son de cor amarela. A polinización é por insectos.

Rexenérase ben por semente pero tarda moitos máis anos en dar froitos que cando é por rebrote das cepas cortadas.
A repoboación lévase a cabo con exemplares híbridos (entre especies europeas e asiáticas) por culpa da enfermidade da "tinta" que acabou con moitos soutos nas zonas costeiras. Tamén fanse inxertos nos patróns bravos do monte e logo lévanse ós soutos.
Castiñeiro novo
Distintas fases do froito
O froito é un aquenio de forma globosa, cunha cuberta chea de espiñas moi punzantes. A semente é comestible e madura no outono. É a protagonista da festa do Magosto tan estendida nas terras galegas. Cando as castañas comenzan a pingar, e dicir, abren os ourizos e deixan caer o froito e o momento de recollelas co angazo. Logo a árbore atoleirase coa baloira para que caian as que aínda non o fixeron.

As castañas foron durante moito tempo unha fonte inestimable de hidratos de carbono, ata que a chegada da pataca foi remplazándoa. Aínda utilízanse de moitos xeitos, dánselle o gando ou cébanse os porcos; cómense crúas ou asadas, cocidas ou secas, con chourizos, con ovos ou leite. As que non se consumen lévanse ó canizo para secar.

Dous froitos nun ourizo
Castiñeiro do patio

Este é o Castiñeiro que podedes ver no patio do Colexio, aínda é moi novo, pero imos seguilo no seu crecemento e nas distintas épocas do ano. Agora xa hai algunhas follas coa coloración de outono, primeiro amarelas e logo pardas. Este ano o noso castiñeiro tivo os primeiros ourizos, fíxonos moitísima ilusión ve-los froitos, aínda moi poucos e pequenos pero moi sans.

Imos poñer aquí unhas ligazóns a páxinas onde podes atopar moito máis sobre a castaña.

http://caliban.mpiz-koeln.mpg.de/~stueber/thome/band2/tafel_001_small.jpg aqui podedes atopar un fantástico debuxo das partes desta árbore.

http://www.internatura.uji.es/guias/plantas/castanyo.html curiosidades sobre a historia desta árbore.

http://www.infoagro.com/frutas/frutos_secos/castano.asp moita información técnica sobre os parásitos, enfermidades...

http://www.terra.es/personal/cpp28498/52.htm secado das castañas, nomes e costumes.

http://www.edugaliza.org/aulas/sociais/magosto/htm/04.htm o magosto, distintos nomes das castañas...

http://es.geocities.com/parrula66/receitas.html receitas de cociña para facer con castañas.

http://www.gastronomiagalega.com/tempada/magosto2.html máis sobre a castaña, magosto, gastronomía da castaña, contos, orixes, contos.


E para rematar unhas adiviñas populares que teñen á castaña como protagonista.

"Unha cousiña cousa, criada no monte, enxoita na casa e cómese sen tasa"

"Son verde e non son limón, son moura e non son carbón, son vermella e non son sangue, son branca e non son papel, ¿Que cousa cousiña son?

"Eu nacín dentro dun berzo, onde ninguén tocar ousaba: quen puña a mau non tornaba... Entre cidades e cortes me desexan ver crescida, e as mulleres preguizosas comigo gañan a vida"

"¿Cal é a cousa, cal é ela, ten tres capas de inverno: a primeira mete medo, a segunda é lustrosa a terceira é amargosa?"

"Outo me vexo no meu lugarexo.
Por unha risada, perdín miña añada"

"Outos pais capeludas nais
e os fillos incha-foles, adiviña ti, si podes"

"Outo estou, color de ouro teño, por unha risada perdo canto teño"

"Outo me vexo no meu canguerexo, vexo vir e non podo fuxir"

"Outo, outo cabaleiro dalle a risa e caelle o diñeiro"

"Alto foi meu nascimento de doncela recollida; cando ia para me rir, tal foi a queda que dei que a casa non máis voltei"

"Altetes, altetes con seus carrapetes; con o riso que lle deu, todo se perdeu"

Unhas cantigas populares

"As castañas son castañas, os ourizos son ourizos;
os ollos da tua cara, para min son dous feitizos"

"Canta a rula, canta a rula, canta a rula naquel souto;
Probiño daquel que espera polo que está na man doutro"

"Esta aldeíña de Cambre, moito viva que na honra,
de mañá, por entre o souto, en busca da boa sombra"

"¡Dáseme tanto por ti, como si nunca te vira!
¡encólgate nun castaño coas pernas para riba!"

.
"Acabáronse as castañas, secáronse os castiñeiro,
acabáronse as rapazas; quedan os mozos solteiros

"A aldea de Palavea, de lonxe parece vila,
ten corredoira na entrada, e un souto sen saída".

"Acabáronse as vendimas ahí veñen as esfolladas
para comer coas nenas catro castañas asadas"

"Has de cantar que che ei de dar zonchos, has de cantar que che ei de dar moitos;
has de cantar e has de cantar, has de cantar que chos hei de dar".

"Teño un castiñeiro alto, no tronco ten mil enredos,
tampouco os enamorados poden te-los ollos quedos".

"Ábreme a porta, Marica, que che quero dar castañas;
-Eu a porta non cha abro, que ben sei as tuas mañas".

"Despídete, castiñeiro, das derradeiras castañas,
como me despido eu de xogar coas rapazas".

"Vólve, Xuana, Vólve, Xuana, que has de atopar unha boa castaña;
vólve, mi niña, vólve a vir, moito no souto habemos de rir"

"Castañas asadas e viño con mel;
e a miña señora detrás do tonel"

"Non chas quero, non chas quero, castañas do teu magosto.
Non chas quero, non chas quero, que me cheiran a chamosco"

"A castaña no ourizo quixo rir e reventou:
caendo castiro abaixo, mira que golpe levou"

"Miña nai, doime a barriga, Miña filla, confesión.
As castañas que comiche ¿de qué castiñeiro son?"

"As castañas ben se comen, o viño vaise bebendo;
o cariño vai entrando e a honra vaise perdendo..."

"Pínguili, pínguili, taba pingando. Fúnguili, fúnguili, taba fungando. Si pínguili, pínguili non pingara; fúnguili fúnguili non fungara"

"Naquela banda do río, ten meu pai un castiñeiro;
bota castañas no outono, uvas no mes de xaneiro"

"Aquel vello castiñeiro, esquecendo a súa cañota,
ergue os brazos rexoubeiro;
ouce do vento e punteiro, e quere bailar a jota"

E uns poemas

"Castaños de Dormeá,
os do corpo ben comprido,
de graciosa estatura,
dobrados e ben seguidos:
¡ouh! Castaños somellantes
ós celtas nosos antigos;
a quen as edras demostran
amor, con abrazo amigo:
os arrebatados ventos
do mes bretumoso e frío
de Xaneiro, entre vós fungan
dando doentes suspiros:
e o musgo dos vosos gallos,
ermos e desgornecidos,
ó impulso das duras ráfagas
vai lonxe caer rompido" ...
Eduardo Pondal

..."¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
Sin bruxas nin demos;
Un maio sin segas,
Usuras nin preitos,
Sin quintas nin portas,
Nin foros, nin cregos."
Curros Enriquez

Este poema, empregado como xogo de nenos, foi recollido por Marcial Valladares.
"Debaixo dun castiñeiro
paseando unha galiña
caeu degarado ourizo
e un golpe lle deu na crista,
bota a correr a galiña
e dille de presa ao galo:
-Fuxa, señor galo, fuxa,
que cae o ceo en anacos.
-Quén llo dixo, ña galiña?
-Sentin un na coroniña.
Apreta o galo a correr
e, cô raposo encarando:
-Fuxa, -dille,- señor Pedro,
que cae o ceo en anacos.
- Quén llo dixo, señor galo?
-Dixo a señora galiña.
-Quén llo dixo, ña galiña?
-Sentin un na coroniña.
Bota o raposo a correr
e, atopando o can ao paso:
-Fuxa, -dille,- siñor can,
que cae o ceo en anacos.
-Quém llo dís, señor raposo?
-Díxomo o siñor galo.
-Quén llo dixo, señor galo?
-Dixo a señora galiña.
-Quén llo dixo, ña galiña?
-Sentin un na coroniña.
Bótase o can a correr
e cô lobo tropezando:
-Fuxa, -dille,- señor lobo,
que cae o ceo en anacos."
Refráns

"Por San Martiño faise o magosto con castañas asadas e viño ou mosto"

"Castañas, noces e viño, fan as delicias do San Martiño"

"Polo San Martiño vai ver o teu soutiño"

"Castañas no Nadal saben ben e pártense mal"

"Temperá é a castaña que por setembro regaña"

"Fíate das castañas asadas, que se estoupan, sairanche á cara"

"Con castañas asadas e sardiñas salgadas non hai viño ruín"

E tamén algunha lenda
Din contos populares toscanos que o castiñeiro ten os mesmos poderes benéficos e máxicos co carballo. Aínda que a súa sombra da mala sorte. Ó cortares a árbore sae o demo que pode quitarlle a vida se non se lle entrega un fillo ou filla. As castañas son consideradas coma froitos funerarios, cómense a vespera do Dia dos Defuntos ou deixánse para que os mortos as coman durante a noite. Tamén temos moitas semellanzas coa tradición veneciana de comelas o día de San Martiño. As mulleres pobres acodían baixo das fiestras dos ricos a cantar unha longa canción chea de louvanzas e bos desexos, que remataba coa petición das castañas. Estas mulleres representaban ás ánimas do purgatorio.
É tamén coñecido o feito de que pisar unha castaña, ó ires polo monte, fai que a persoa non teña nunca amores. É posible que iso sexa pola súa forma de corazón.
Soñar con castañas crúas, é aviso de ter que facer algo urxente. De seren cocidas, é que a persoa é moi débil de carácter. Se son asadas, é un aviso de precaución.

ABELLA, Ignacio.- La mágia de los árboles
BLOOM, Adrián.- Coníferas ornamentales
COOMBES, Allen.- Árboles
GARFER, J.L.; FERNÁNDEZ, C. Adivinancero popular galego.
FERRO RUIBAL, Xesús. Refraneiro galego básico.
FONT QUER, Pio.- Plantas medicinales
GRAVES, Robert.- La diosa blanca
GREEN, Shia.- La energía curativa de los árboles
GUBERNANTIS, Angelo.- Mitología de las plantas
KREMER, Bruno.- Árboles
NIÑO, SILVAR.- Guía das árbores de Galicia
PÉREZ BALLESTEROS, José. Cancionero popular gallego.

E agora vai ó curso de tele-formación sobre as nosas árbores.
Exercicios do castiñeiro
Volta

Fai clic na folla para ve-lo carballo

Vai ó mes de outubro