Marcial Valladares Núñez 1821 - 1903

Merece ser salientada a figura de Valladares por ter unha activa participación no Rexurdimento literario do galego.

Naceu en Vilacosta, Berres (A Estrada) e como a maioría dos precursores estudiou Dereito en Santiago, pero a partir de 1866 retirouse a súa aldea natal para adicarse exclusivamente á literatura e ó periodismo.

É autor de poemas de tipo costumista ó xeito popular, xénero moi cultivado polos poetas da época.

Acadou unha grande importancia como lingüista, xa que, é autor dunha gramática galega e dun diccionario; pero ocupa un lugar importante como autor da primeira novela galega: "Maxina ou a filla Espúrea". É unha novela romántica que trata dun asunto truculento con trama folletinesca e cun final sorprendente porque, cando parece que todo anuncia un desenlace feliz, a obra remata coa loucura de Otilia, coprotagonista do relato.

Como periodista colaborou con diversas publicacións:

"La Exposición Compostelana" de Santiago

"El Eco de Galicia" da Habana

"La Revista Popular" de Pontevedra

"La Ilustración Gallega y Asturiana" de Madrid ...etc.

En definitiva Valladares ocupa un dos primeiros lugares no despertar poético galego, pero unha das súas máis importantes aportacións foi como lexicógrafo segundo queda plasmado no seu diccionario "Gallego-Castellano".