Bidueiro

Betula alba, Betula pendula, Betula verrucosa

O bidueiro é unha das árbores máis antigas sobre a terra, é moi pouco esixente e medra ben nos terreos pobres, ácedos, moi húmidos e frios. É orixinaria do norte de Europa e Asia pero é capaz de colonizar os lugares máis inhóspitos.
Para moitos pobos europeos o bidueiro é unha árbore sagrada que simboliza o sol pero tamén a lúa pola cor da súa cortiza. É tamén a árbore da sabedoría e a iluminación. Nos países escandinavos o nacemento das follas indicaba o momento de sementa-lo trigo. Para os chamáns, tanto da Siberia como dos pobos americáns, era o garda da porta da sabedoría.
Para os celtas simbolizaba o ano novo. Era a primeira letra do alfabeto druídico ogham.
Bidueiros
Bidueiros no inverno

En moitos lugares do norte de Europa as ramas do bidueiro eran utilizadas para facer saír os malos espíritus dos criminais. Tamén para alonxar as malas influencias e disgracias era polo que estaba presente nos berces dos nenos.
Durante a Idade Media foi asociado coa bruxeiría porque baixo del medraba o fungo Amanita muscaria, que era alucinóxeno, e tamén coa idea de que as basoiras das bruxas estaban feitas coa madeira desta árbore.
Acada os 20 metros, a copa é estreita e cónica pero co tempo vaise arredondando. O tronco é recto ou lixeiramente inclinado. A cortiza é lisa, branca ou plateada, con raias horizontais surcadas de fendas negras con sucos moi fondos e grosos nós.


As follas teñen unha forma triangular con pecíolos moi longos. Son moi delgadas, lixeiras e dentadas. Face verde escuro brillante, máis claro no envés. Tornan a cor amarela no outono. Os brotes son moi finos e verrugosos.
A cortiza do bidueiro ten propiedades diuréticas, tónicas e antisépticas, polo que é moi recomendada para enfermidades da pel, reuma, gota. Tamén pode calmar as dores musculares.
Follas

Flores masculinas
Flores femininas
As flores masculinas son amentos longos de cor parda que vira o amarelo. As femininas son verdes, os amentos son máis curtos e viran ó amarelo cando maduran. Os froitos forman unha infrutescencia e desfanse con moita facilidade ó madurar.
A madeira foi moi utilizada para fabricar moveis, xoguetes e zocos. Tamén as follas servían de alimento ós rebaños. Entre os nativos americáns era costume facer as canoas desta madeira. Nos países do norte europeo a savia era usada no lugar do azucre.
Volve ó xardín da Cubela
Volve ó xardín da Cubela
Volve ó Parque Europa
Volve ó Parque Europa