Olea europaea, L.

O nome desta árbore procede do latín "oleum", aceite, no que son moi ricos os seus froitos. Europaea, indica a súa procedencia, do sur do continente europeo.

Simboliza a paz. Foi tamén símbolo da vida na terra despois do diluvio. A pomba volveu xunto a Noé cunha ramiña de oliveira no seu pico.
Para os primeiros cristiáns era a imaxe da vida e da sabedoría. Para o Islam é o eixo do mundo e símbolo do paraiso. En Roma foi consagrado a Xúpiter e Minerva. En Grecia, a deusa Atenea esparcía aceite sobre os heroes despois das batallas.

É unha árbore moi lonxeva, pode acadar ata 2000 anos. Non logra moita altura, uns 10 metros. Ten forma globosa cun tronco groso e torto que fende cos anos. As raices son superficiais.


Non perde a folla no inverno. Estas son simples, lanceoladas, grosas e coriáceas. Cunha face verde escura e moi clara no envés. As flores son moi pequenase brancas.
Cultívase polos seus froitos, as olivas, moi ricas en aceite, aínda que poden ser consumidas previa maceración o en salmuera.
O aceite é moi apreciado polas súas propiedades dietéticas e tamén curativas. É bo para úlceras, queimaduras, para infeccións da pel... Tamén é utilizado coma cataplasma para afeccións dos bronquios ou reúma e para afeccións intestinais.

A madeira é moi cotizada pola dureza e resistencia.


O aceite que se extrae dos froitos pódese utilizar, ademais do consumo, para conservar alimentos (peixes, queixos, embutidos...). En Galiza é moi pouca a repercusión deste cultivo aínda que no val do Sil quedan zonas que lembran cando a extracción do mesmo era unha práctica habitual. Preto de Quiroga consérvase en bo estado un muíño de aceite que unha vez ó ano volve funcionar. Isto acontece con motivo da festa do aceite.
Volve ó xardín da Cubela