Pradairo

Acer pseudoplatanus L.

Pradairo no Parque Europa
O nome latino desta árbore fala da semellanza co plátano de paseo, platanus hybrida, en especial as súas follas.
Na cultura alemana o pradairo era asociado á capacidade de escorrenta-los morcegos. Estes volvían estériles os ovos das cigoñas, polo que elas engadían ramas de arce ós niños, desa maneira aseguraban a fertilidade dos ovos.
Unha lenda húngara conta que a envexa dunhas princesas acabou coa vida da preferida do seu pai, o rei. Soterrárona baixo dun pradairo, dalí brotou unha rama da que un pastor novo fixo unha flauta. Cando a tocaban, contaba o triste fin da princesa asasinada.

Esta árbore caducifolia, que perde as follas no inverno, pode acadar 30 metros. O tronco é recto, a cortiza é lisa nos primeiros anos, logo vai fendendo e remata en placas que poden caer.
As follas son grandes, con cinco lóbulos, dentadas, verde escuras na face e máis claras no envés e cun longo pecíolo de cor vermella.
As follas aparecen na primavera, xunto coas flores, e caen no outono despois de tornar do verde ó amarelo-dourado.
Follas do pradairo

Flores
Froitos do pradairo
As flores son pequenas e de cor verde-amarela, en acios pendurados. Os froitos son samaras, de cor verde con tons vermellos. As samaras son dobres formando ángulo. A maduración ten lugar a principios do outono.

No Parque Europa hai máis árbores da especie Acer, concretamente Acer platanoides, con lixeiras diferencias nas follas, ou moi aparentes como a cor purpurea dalgunhas variedades como a Crimson King.

A madeira desta árbore presenta moi boas propiedades acústicas, por iso é utilizada na fabricación de caixas de resonancia para instrumentos musicais. Tamén é moi valorada en carpinteiría por ter cualidades de resistencia, dureza, homoxeneidade e ademáis é doada de traballar.

Volve ó Parque Europa
Volve ó Parque Europa